venres, 19 de decembro de 2025

BADALADAS E BAILE

Chegou o último día de curso deste primeiro trimestre!

Unha xornada na que entregamos as nosas cartas cos nosos desexos e agasallos.

Unha visita moi especial e chea de maxia... Papá Noel chegado dende o Polo Norte cun agasallo moi chulo!


Un delicioso chocolate quente con galletas organizado pola nosa querida ANPA.



E, por último, quixemos pechar o 2025 festexando todos xuntos un pre-fin de ano moi divertido, coas tradicionais badaladas e festa rachada!






MISTERIO DE NADAL RESOLTO POLO ALUMNADO DE 4º!

O alumnado de 4º recibiu un encargo moi especial, tiña que afrontar un reto de Nadal para salvar esta celebración...

Para conseguilo, precisaban superar unha probas de Lingua Castelá... Traballando en grupo foron quen de vencer cada desafío e resolver o enigma.

Desta maneira fixemos un repaso do aprendido no trimestre, pois era necesario atopar sinónimos e antónimos, escribir sen erros ortograficos, buscar na RAE, atopar sustantivos e adxectivos...

Bo traballo!

 


Christmas ornaments in Art class

 Neste mes de decembro as nosas aulas de Arts 🎨 transformáronse nuns recunchos para crear o noso tradicional adorno de Nadal  🎄.

Ademais de levar un bonito recordo, desenvolvemos a nosa creatividade 💡para facer creacións orixinais e respectuosas co medio 🌍, pois moitos destes adornos están feitos dándolle unha nova vida ♻️ a restos de papeis, cartón de caixas, rollos de papel hixiénico… 




Non nos digades que non temos o cole cheo de artistas 🧑🏼‍🎨 👩🏽‍🎨 👨🏼‍🎨!






luns, 15 de decembro de 2025

OBRADOIROS DE XOGOS

Na aula de 1º os obradoiros de xogos están a converterse nun espazo clave  para aprender de forma activa e divertida. A través deles  desenvolvemos habilidades como a cooperación, a creatividade e a resolución de problemas mentres rimos, gozamos e somos quen de coñecernos un pouquiño máis e mellor…



domingo, 14 de decembro de 2025

Carteo por Nadal

Os nenos e nenas de 4º imos cartear co CEIP A Canicouva, un xeito divertido de practicar a expresión escrita.

Despois de todo o proceso: borrador, carta, destinatario, remitente... por fin chegou a hora de enviar as cartas! Ademais, como as van recibir nesta época chea de maxia, engadimos unhas postais para desexarlles unhas boas festas!






mércores, 3 de decembro de 2025

“TODOS E TODAS CONTAMOS” DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

 

 

Esta semana os monitores da Fundación Igualarte da man de Afundación impartiron diversos obradoiros ao noso alumnado buscando fomentar a diversidade como un valor social:

Contacontos “A familia”: dirixido ao alumnado de educación infantil. Unha vez escoitaron o conto creado pola Fundación Igualarte, realizaron a actividade “Creando a miña familia”. Por grupos, crearon un móbil colgante coas persoas que conforman unha familia.

As tarefas do fogar entre todos e todas: participaron os cursos de 1º a 4º de primaria. Consistiu nunha obra de teatro cargada de humor, pero cunha mensaxe moi seria: a igualdade de xénero.

Obradoiro de percusión: os monitores deron un pequeno concerto para despois realizar un taller de percusión corporal e con instrumentos de material reciclado.







Grazas aos monitores da Fundación Igualarte por promover a inclusión e mostrar a diversidade como unha fonte de enriquecemento persoal e social.

xoves, 27 de novembro de 2025

OBRADOIROS MATEMÁTICOS 1º TRIMESTRE

 O alumnado de 1º acaba de comezar o seu camiño pola Primaria con moita enerxía e actitude. Así van aprendendo unha morea de cousas entre a aula STEM, os obradoiros de xogos, as saídas e visitas… Deixamos aquí algúns deses inesquecibles momentos…



mércores, 26 de novembro de 2025

Saída ao teatro Afundación con 1º e 2º de primaria

Hoxe os alumnos de 1º e 2º de primaria puideron desfrutar do espectáculo de monicreques “A galiña azul” no teatro Afundación.  A obra inspirada no clásico conto do escritor galego Carlos Casares, fixo que os nenos e nenas fosen espectadores activos, interactuando e participando ao longo de toda a obra. Ademais de pasalo xenial, aprenderon e lembraron a importancia da conviencia, a aceptación  e o agarimo polo que é diferente de nós, é dicir, da diversidade do mundo que nos rodea.





























martes, 25 de novembro de 2025

APRENDIZAXE BASADA EN XOGOS

A aprendizaxe basada en xogos (ABJ) ten multitude de beneficios nos nenos e nenas, sendo unha ferramenta educativa fundamental para o desenvolvemento cognitivo, social e emocional. Por iso a clase de 2º de educación primaria a través do emprego de xogos didácticos adquiren coñecementos nun ambiente interactivo e motivador, o que mellora a participación e a aprendizaxe dos alumnos e alumnas. 




A COMICTECA

 Este luns, día 24 de novembro, o alumnado de 1º e 2º do cole fixemos unha saída á Biblioteca Teatro Afundación para coñecer a súa COMICTECA, un espazo no que o cómic é o gran protagonista.

Comezamos coñecendo un pouco a historia do edificio e facendo unha liña do tempo desde os seus inicios, cando aínda era o teatro Rosalía De Castro, ata a actualidade… Logo traballamos nos nosos propios cómics, facendo pequenos grupiños e coreando e pensando na historia que neles queriamos contar.

Rematamos facendo unha pequena pescuda na sala da Comicteca para atopar aqueles exemplares que máis se axustaban á nosa idade.

Deixamos unha breve escolma da nosa experiencia…